fondo red white blue

columnas enlaces

18 jun 2025

Recomendacións Lectoras de Verán

 Queridas familias, rematamos un novo curso escolar que estivo cheiño de contos, historias, aventuras, intrigas…

Aquí deixamos o tríptico no que propoñemos algunhas lecturas para este verán. Seguide deleitándovos sempre da lectura e lembrade que:

“A lectura prende a mente e esperta a imaxinación”!

APERTAS E BO VERÁN!



17 jun 2025

Colaboradores Biblioteca Asunción Antelo

 Agradecementos infinitos a todos os colaboradores que tanto nos axudaron este ano cos préstamos da Biblio.

Mil gracias, rapaces e rapazas!!




As familias dos profes tamén contan!


Queremos agradecer enormemente a todas as familias que se achegaron este ano a acompañarnos na Biblioteca: contando contos, realizando talleres, charlas… Para nós é moi importante, moitas gracias!
Non queriamos pechar este curso de “As Familias Contan” sen amosarvos que 1º e 2º de primaria, recibiu unha visita moi especial a maiores de todas as que vos ensinamos ata hoxe.
As Familias dos profes tamén Contan! Así é que tivemos a sorte de escoitar, atender a toda a información que nos deu e de tocar con…Raúl Galego! Famoso gaiteiro Galego.

Aquí tendes un enlace do programa “Alalá” sobre Raúl Galego:

A sorpresa para os nenos foi cando nos enteramos de que Raúl é o papá da nosa profe Carmela, de 1º de primaria!

Así, tivemos un novo festexo nos días das Letras Galegas no que poidemos tocar con Raúl Galego e con Anoesjka Sarolea, a súa amiga, de recoñecida traxectoria no mundo musical tamén.
Aquí deixamos unhas lembranzas deses momentos. 
Moitísimas gracias a Raúl, Anoesjka e Carmela!






Letras Galegas 2025


 Este ano, para a conmemoración do Día das Letras Galegas, organizouse a través das Dinamizacións  de Biblioteca e Lingua Galega, un teatro musical etnográfico levado a cabo polo alumnado de 6º e exposicións de obxectos e instrumentos tradicionais galegos na que colaborou todo o centro.


Aquí van unhas fotiños da exposición:






O alumnado de 6º ao completo, interpretou unha obra de teatro para infantil e primaria na Biblioteca, “Dorothé e a música dos pobos”. 

Sinopse da obra:

Dorothé Schubart, unha musicóloga suíza apaixonada polas músicas tradicionais, percorre Galicia na procura de voces que gardan a memoria do pobo. En cada vila atopa mulleres que cantan a vida, o traballo e o sentir do país.

Con axuda da pequena Xoaniña (personaxe ficticio), Dorothé recolle cancións, historias e emocióna que forman parte da alma galega.

A obra fai parada en Erbecedo (Coristanco) onde coñecemos a figura da cantareira María Castro Romero. En Cerceda, coñecemos a Rosa e Adolfina. En Mens (Malpica) coñecemos a Prudencia, Asunción e Manuela. Rematamos en Muxía coa figura de Eva Castiñeira.

Aquí van algúns deses momentos:






5 jun 2025

Concurso Asunción Antelo



 Como todos os anos, o Concello de Coristanco, en colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira, organiza o X Certame Artístico-Literario de Asunción Antelo, figura e referente artístico e literario grazas a súa gran bagaxe e legado cultural formado por innumerables obras de madeira, pedra e barro; e da que afloraron tamén ringleiras de versos froito da súa vizosa creatividade.

A finalidade desta convocatoria, un ano máis, é conmemorar a herdanza desta autora con gran sensibilidade e emoción poética, que escribía con liberdade, poemas nos que describía cos detalles máis minúsculos, pedaciños da súa vida. Pretendemos así fomentar os valores literarios, promover a creación e a difusión cultural de Coristanco e descubrir o talento tendo como inspiración a Asunción Antelo, Rexubeira de Bergantiños.


Aquí deixamos unhas fotiños dos traballos do noso alumnado:


4 jun 2025

A Nosa Rosalía de Castro

 Ao longo do segundo trimestre, levamos a cabo diversas conmemoracións como o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro), Día Internacional da Muller (8 de marzo) e o Día da Poesía (21 de marzo).

Para todas elas,  participamos cada clase de infantil e primaria, elaborando peciña a peciña cada parte da nosa escultura. 

Unha Rosalía elaborada a partir de diferentes texturas aportadas por cada grupo recíbenos na entrada do centro, amosando unha saia con poemas ou información de diversas escritoras e poetisas, todas elas mulleres.

Por Rosalía de Castro, pola Poesía e por todas as mulleres que tanto loitaron e loitan por unha igualdade real e xusta.